Méndez Ferrín
"O cabalo galego nas letras"
O texto que sigue é unha copia exacta do
artigo anterior, sacado dos suplementos de La Opinión, A Coruña.

O cabalo galego nas letras.
Fálame o equipo directivo do Instituto Terra de
Turonio (Gondomar) que está a traballar nun vasto proxecto (Ceibes
no Monte) cultural e educativo que ten como centro o noso
cabalo. Consúltanme sobre a presenza deste na literatura. Aínda
que eu non son périto no tema nin estes Espellos son máxicos,
tratarei de lles decer algo apoiándome nos que saben máis ca
min.
Estrabón, xeógrafo grego (63 a.C.), conta que os Kalaikoi, ou
sexa nós, tiñan moitos cabalos e que soían facer holocausto
deles ao seu deus da guerra (podía ser Endovelico ou Larouco).
As figuras de cabalos nos petroglifos poideran ser
representación de tales sacrificios.
Segundo Dion Casio (35 d.C.) na súa Historia Romana, Xulio César
viaxou a Brigantion (cidade e torre actual da Coruña) no ano 61
a.C. Alí fíxose César cun cabalo extraordinario que o levaba a
el con orgullo e que rexeitaba calquera outro cabaleiro. Se isto
foi así, e non unha fantasía encomiástica, podemos pensar que
este de que se fala é o primeiro cabalo galego individualizado
que aparece na Historia, e precisamente unido a César.
Plinio (século I d.C.) refírese na súa Historia Natural aos
nosos cabalos chamándolles tieldóns, do mesmo modo que lles di
asturcóns a outros máis cativos. Atribúelles aos cabalos galegos
a propiedade de mover simultaneamente o brazo e a pata de cada
lado para se desprazar, e isto de modo innato (“mollis alterno
crurum explicatu glomeratio”). Isto quer decer que para Plinio
os nosos cabalos movíanse naturalmente en andadura (amblure, en
francés) ou marcha. Joaquín González Troncoso (autor de Nós,
andadura) sabe ben que a espontaneidade desta tendencia no
cabalo galego é aínda hoxe obxecto de desputas ardentes. En todo
caso Plinio é o primeiro autor que escribe sobre a andadura e a
relaciona co cabalo galego. É cousa divulgada que Plinio
explicaba a velocidade das eguas mediante o feito destas seren
fecundadas polo vento.
O historiador romano Trogo Pompeio, coñecido a través de Xuniano
Xustino (século III d.C.) refírese a un mons sacer de Gallaecia,
o que nos fai acordantes do Pico Sagro. Escribe que por el se
moven raudas greas de cabalos (“equorum pernices greges”) que
parecen mesmamente fillas do vento.
Gracio Falisco, poeta latino menor do século I d.C., no seu
Cynegeticon describe o cabalo galego como apto especialmente
para a montaña e asegura que se move ben polos Pireneus
pedregosos (“Callaicis lustratur equis scruposa Pyrenne”), o cal
fainos supór que Gallaecia exportaba cabalos ás grandes montañas
do NE peninsular. Pola súa facultade para camiñar polos penedos
ou terras rochosas. Silio Itálico (ano 102 d.C.), historiador,
conta como un cabalo galego, de nome Lampon, participou nunha
corrida de velocidade en Hispania tirando dun carro cuxo auriga
era Cyrnus, que nós imaxinamos de nación británica.
Naturalmente, Lampon ía máis rápido ca o vento, pro gañou o
carro tirado por un cabalo asturiano de nome Panchates e
gobernado polo auriga Hiberus. Escipión en persoa lle entregou
os trofeos a Cyrnus e a Hiberus. Non sabemos se lle puxo unhas
escarapelas a Panchates e a Lampon.
Estes datos que lles ofrezo foron colixidos, analisados e
ordenados por Manuel Cabada Vázquez na súa obra A rapa das
Bestas de Sabucedo (Vigo, Ir Indo, 1992). Resta moito por
investigar sobre a presenza do cabalo galego na literatura. Só
vou mencionar que esta alta valoración que vemos no mundo
clásico non é tan evidente na literatura moderna. Xa temos
comentado aquí como o cabalo galego, ou faco galiciano,
constitúe a única raza equina identificada claramente no Quixote
por Cervantes. Pro o P. Sarmiento comenta no Coloquio de
Rústicos (1745) deste xeito a presenza de cabalos galegos no
traslado dos restos de Filipe V de Madril (Madrid) a La Granja:
“Outros en cabalos/ con ricos arreos/ iban tan garridos/ como
Gerineldo./ Mais outros en bestas/ ou facos galegos/ non iban
tan postos/ como os cabaleiros”. Sarmiento, tan patriota,
despreza o cabalo que Estrabon e Plinio admiraban.
Un souril poeta da Terra de Nemancos, Pérez Paralle, canta así o
cabalo de noso no poema Curro da Capelada, na segunda metade do
século XX: “Dende a Cabana teixida/ manda o vento un aubío./
Xurde da Pena Toxosa/ un rincho longo e bravío./ Unha potra
branca/ e un potro pedrés/ xuntos fan camiño/ para San Andrés./
A moza Lúa pastora/ polos camiños pedreños/ leva beber á fontela/
os seus cabalos luceiros./ O mozo sol dilingueiro,/ no cimo da
madrugada,/ acurra cabalos verdes/ na Serra da Capelada”.
Cabalos verdes, os de Pérez Pallaré, tan imposibeis coma os de
Franz Marc. |