Calixeira

 

A calixeira ou calixeiro é unha néboa de pouca densidade que se forma sobre o mar ou a terra (especialmente nos días de moita calor).

A palabra está sacada do libro Voces da Terra. Quiroga e os seus Escritores, un sensacional libro, moi traballado, de Celia Díaz Núñez. Publicado por GraFic-Lugo, S.L. en 1995.

O libro ten unha dedicatoria persoal, escrita a man,  que me gusta moitísimo:

     " A Secundino Lorenzo -Chicho- bo coñededor destas paixases e que gusta de camiñar polas ribeiras do Lor".

Coa miña amizade:

Celia.  Ourense, abril , 1995.

Teño moitas fotografías do río Lor, fai máis de corenta anos que pesco este río, pero por máis que busquei non atopo unha fotografía que teña unha néboa de pouca densidade que poida ser unha calixeira; poño está fotografía que está sacada dun video de Pablo Casanovas onde aparece esta ponte de Froxán no río Lor e que nos pode dar unha idea da palabra. A calixeira e a néboa do fondo.

O video podedes velo neste link. Merece a pena.

 

A palabra aparece na páxina 16 do libro de Celia, nun texto de Eduardo Moreiras, que no ano 1979 publica en Galaxia, Follas de vagar, evocando a figura de Anxel Fole:

"...Sempre que dende o cimiterio vello da Hermida ollo pra o fondo da valgada e vexo o río Quiroga, seguíndoo no seu ronsel de negrillos e choplos, párome nunha casa grande e branca, na orela do vado, coa ponte de madeira, prado e souto: é a casa onde Anxel Fole escribiu Á lus do candil, contos de invernía na montaña galega.

Sempre lembrarei, nas terribles seráns do vrau quirogués, na estrada solitaria e abafante de Campos de Vila, o caxato e chapeu de palla de Fole, camiñando de vagariño na onda de calor, ollando con mirada azul esvaída de miope o centileo do ceo. Chegando á ponte de Vilaverde, aparescían na calixeira as primeiras casas da vila, e alí sempre habería unha "tasca" onde refrescar. Aínda que soio fora o que il chamaba con sentido grego da vida "un vasiño de hidromel" ..."

 

"Claro que gusto de camiñar polas ribeiras do Lor, son únicas".

Gracias Celia polo libro e a dedicatoria.

Gracias tamén por indicarme que o libro tiña marabillas como esta:

"Dende o Cebreiro,  o río Lor baixa namorando os ceos da montaña"...dí Eduardo Moreiras no seu libro  "Primaveira no Lor". Nestas fotografías, o río Lor,  aparte de namorar os ceos da montaña,   namoran os ceos dos meus ollos e os  da miña compañeira de traballo en tempos, Celia Díaz.