..."Auga para beber e
para amar. Auga para reflectir nela a nosa cara de paz..."
--0--

Río de Queixa. Ourense . Fot. Secundino Lorenzo.
..."É fermoso ver un río nunha foto..."
--0--

Fervenza do Barbantiño. Ourense.
Fot. Secundino Lorenzo..
..."A natureza libera o ser humano por dentro,
faino máis intelixente e máis aberto..."
---0---

Río Navea en Ourense. Un río que respecto e quero.
Fot. Secundino Lorenzo.
..." Os ríos son a cor intensa dos ollos das
vacas..."

---0---
Os ríos son a parte
interior da infancia.
Os ríos son auga que marcha e corre.
Debemos respectalos e coidalos e querelos. Como respectar a vida e a
inocencia. A natureza é a parte máis sabia do home.
Temos que abumiñar esta parte non morta de nós mesmos. Auga para beber e
para amar. Auga para reflectir nela a nosa cara de paz.
A natureza é sempre algo animal e
libre. Eu corro cara ao río da aldea e bailo mentres me baño. Lonxe do mundo e da
cidade.
Eu amo os ríos que me percorren. Hai que buscar na harmonía a beleza.
Hai que correr e xogar nos patios do espíritu. Os ríos son partes soñadas de todo. O
todo é o feo e as partes son fermosas. É fermoso ver un río nunha foto. É fermoso
cantar cancións e beber viño, como nos Caneiros. Os ríos, como fadas, cruzan cidades e
vilas. Cruzan a xeografía humana e xogan con ela. Avanzar como nación é amar ese soño
da terra , a auga. Nas fontes nace todo coma se nacera un poema. Moitos poemas para que
non nos doa a morte.
Quero mollarme no río e sentirme soñadora e libre. A natureza libera ao
ser humano por dentro, faino máis intelixente e máis aberto. Os ríos que me inundan son
un diagrama certo. Un debuxo nas miñas páxinas de poesía. Os ríos son a cor intensa
dos ollos das vacas.
-----------------------------

Lupe Gómez.
O
Correo Galego do día 02-12-99.