Río
Limia en Ponte Linares. Fotografía de Xurxo Lobato.
..."Teño toda a auga da
Limia nos ollos remelados da memoria." ...
TEMPOS DE
AUGA
A Limia é auga
calma, pousada, que se deita calada e agarda a sinfonía eterna das ras
na pasaxe solemne do sol á procura do horizonte. Galopar fantástico de
rabaño de bestas nos herbais abertos da veiga, fecunda chaira de
fantasía e de liberdade que baixa abeberar no río morno do silencio.
Auga que acariña os
dedos do cego de Buxán, cantor de romances, mentres soña paraísos
luminosos. O garular da corrente suave na ponte da presa contenta a alma
mancada. O asubío aguzado dos carros cargados de fartura estende amodo o
toldo refrescante do solpor.
A calquera hora do
día quente, o río é morada cobizada da rapazada. Afáns nenos axotan as
augas por entre ouvas e rabazas para sorprender troitas descoidadas.
Sons mollados de lerias e esforzos anuncian peripecias realizadas por
mans brancas e habelenciosas de lavandeiras. Batuxar de corpos espidos,
tímidos, no baño ledo e iniciático, que se fan líquidos, anfibios, no
xogo de subaugar no ventre escuro do pozo e explorar espazos de misterio
no fondo de fermosos coios esmaltados. Ollares furtivos, ás veces
cómplices, perseguen a descuberta de manifestacións da adolescencia
presentida e provocan os brincos explosivos do cabalo desbocado do
desexo.
No Lameiro comunal,
mentres pace o gando manso, carreiras atrás da billarda voadora e
efémeros muíños brinquedos nos pequenos regos que traen a auga limpa dos
mananciais do monte acuático. Rodar incesante do rodicio baixo o cano de
auga clara, que desafía o equilibrio e encanta a tarde de voces suaves e
distantes.
Porfía intensa de
chuvia que enchoupa zapatos e roupas abre as billas de innumerábeis
regueiros, que alagan touzas e prazas, mar rastreiro de centeo novo en
dereitos sucos. Pozas, fosas e carreiras énchense de abundancia líquida.
Pingadas de vellos tellados interpretan longo concerto hipnótico de
percusión ao tempo que mans paralizadas queren apreixar a labarada da
lareira amorosa que conforta. Danza veloz de escarabanas fai tolear a
enramada. Feitizo de orballo fai adormecer camiños e carballeiras.
Perfume de lama nova impregna leiras e casas. Cando chega a poderosa
dama da friaxe, a auga faise carambelo branco que convida á aventura
desafiante do transitar ousado, expresión da valentía da infancia.
Tempo de auga
labrega, abundante e fría, amiga da terra nutricia; tempo acuático, de
auga grande, de camiñar lento, tempo case sen tempo, andar de boi manso;
tempo de harmonía , de sosego brando, que amortece a vida.
O vento fachendoso
que entra pola porta da Feiranova non pára de rifar coas sufridas tellas
afumadas. No amparo do fogar, onde se venera o fascinante lume
protector que se eleva maxestoso na pedra do lar, a palabra sabia e
maternal de pais e avós, lección maxistral de lealdade ao ser, tangue as
horas estáticas da invernía e vai tecendo amoroso cobertor de seda e la
que envolve o celme do existir até o último alento.
Teño toda a auga da
Limia nos ollos remelados da memoria.
DELFÍN CASEIRO.

Río Limia.
Fotografía de Secundino Lorenzo.
..."Tempo de auga
labrega, abundante e fría, amiga da terra nutricia; tempo acuático, de
auga grande, de camiñar lento, tempo case sen tempo, andar de boi manso;
tempo de harmonía , de sosego brando, que amortece a vida"...

Delfín
Caseiro.

Río Limia no encoro das Conchas. Fotografía de
Xurxo Lobato.
"A Limia é auga
calma, pousada, que se deita calada e agarda a sinfonía
eterna das ras na pasaxe solemne do sol á procura do
horizonte"
Volver
