Os
ollos nenos estaban no río pequeno, río de coios, río de aldea, río
doméstico, que flúe escondido e ledo baixo a bóveda continuada de
amieiros. O río Bidueiro, que vén da aba do monte Penamá por riba de
Barracel. Ollos esculcadores dos primeiros corpos espidos no pozo da
Fanteira nos baños de iniciación. Mans tímidas e atoutiñantes a
procuraren entre as cañotas mergulladas o lombo de troitas acochadas.
Os
ollos nenos seguen a ter emoción perenne de tarde de pesca nas augas
mansas do río Limia, guiados polo señor Antonio Xeto, o máis
habelencioso pescador da contorna. Home anfibio, auténtico home-peixe,
sabedor das moradas das máis desexadas donas das augas. Veciño de Aldea
do Muíño (Rairiz de Veiga), fillo da tía Concepción, a parteira do
lugar. Campesiño sen terras, ten de labrar as augas para procurar con
que matar a fame negra da prole abundante.
No
medio da veiga fecunda, paraíso de bestas e vacas, voar maxestoso de
garzas e cegoñas na inmensidade do ar, os ollos nenos fitan
sorprendidos o río grande, río manso, río de lama e area, que semella
placidamente deitado e adormecido baixo a cálida bóveda celeste. Para
alén da navalla de auga que corta a terra, é territorio ignoto e
hostil, de onde chega o outro bando de rapaces dispostos para a loita,
empeñados en facer valer o argumento de que os da borda de aquí son os
de abaixo.
O señor
Antonio elixe con rapidez o treito axeitado para as operacións, a salvo
da ollada acusadora do gardarríos. Alí onde veñen confluír as augas do
río pequeno, do río Bidueiro, que imitan na parte final as maneiras das
augas caladas do río da chaira, ou á altura dos fornos de Congostro onde
as veigas están máis enchoupadas. O coaxar incesante das ras acompaña as
ansias.
O
experto pescador procede a despregar a rede varredoira, gardada con
esmero en saqueta de liño, e vaina colocando con xeito nun claro que
deixan as matogueiras de ouvas e espadanas. Despois, un aceno do seu
brazo lévanos a uns cen metros de distancia. Hai que tanguer cara á
trampa os confiados seres acuáticos, con balbordo de pés e paus a
batuxaren nas plantas das augas.
Chega o
momento de levantar; as cortizas que aboian anuncian carga. O corazón
brinca no peito, como rapaz que agarda agasallo. O mestre de pesca vai
encartando a rede, desde o medio cara á beira, sempre coa mesma
habelencia, sentindo nos pulsos o peso que se acrecenta. Érguea con
determinación e esforzo e déitaa amodo sobre a herba. Fartura de peixes
de ouro, bogas de esmeralda e troitas de prata escintilantes, que
iluminan as caras expectantes. Ras desorientadas ofrecen repertorio de
acrobacias. Cobras escuras libéranse dos fíos e esvaran calmosas á
procura do acubillo de auga, indiferentes aos arrepíos do rapaz. Mans
afeitas desenredan deseguida troitas, bogas e peixes estremecidos, que
choutan nos canistrelos da abundancia. As mesmas mans liberan con xeito
as serpes que seguen atrapadas para que retornen ao seu medio natural.
Trato cordial cos ofidios de auga, a pesar dos grandes padecementos
sufridos por causa da picadura dunha víbora nun pé que houbo mandar o
pescantín para o outro mundo.
A
tarefa repítese varias veces co mesmo resultado proveitoso. Mais un
acontecemento sorprendente vén romper a rutina animada, cando ninguén o
contaba. Algo fai oscilar as cortizas da rede con forza inusitada, o que
atrae axiña a atención do pescador arteiro, a pesar de estar ben
afastado. Río e tempo semellan deterse para ollaren. O Xeto, que domina
a situación coa seguranza do saber e que sempre está á espreita, alanca
con axilidade de corzo por entre as espadanas e nun instante chega ao
lugar onde o remuíño sinala sorpresa. Mergulla as mans e medio corpo na
auga e ergue descomunal troita que se resiste a ser apreixada, con
latexos violentos de cabalo desbocado. O señor Antonio, coa expresión de
toda a ledicia da festa concentrada no ollar curtido, chama por todos e
corre até a beira para nos ensinar tan magnífico exemplar, que ha
fornecer pan e compango para a mísera economía da familia.
Coas
sombras refrescantes do solpor, a volta para a casa, cos canistrelos
ateigados de frescor e recendo de río, resulta percurso sosegado que
anticipa o pracer de exquisitos manxares compartidos.

Río Limia.
Fotografía de Secundino Lorenzo.
Os
ollos nenos retornan moitas máis veces ao río manso da veiga. Río da
memoria, incorporado para sempre á paisaxe emocional, íntima. Viaxes á
procura da felicidade, dos herbais extensos, da auga morna, do brillo da
area, do aroma das xestas e do ceo aberto, cando a lagoa de Antela era
xa lagoa sen auga.
Acelerado rodar de bicicletas por carreiros e pistas de terra, lisos
como a palma da man, en dirección ao lugar máxico: o Colchón. Plataforma
de cemento, que couta a corrente do río dunha beira á outra para reter
auga e area, forma amplo tobogán líquido polo que escorregan corpos en
medras devotos do sol. A pouca distancia do punto de encontro coa canle
que vén da lagoa, propicia espectacular cachón inesperado e pozo de
fondura axeitada para o baño arriscado.
Nas
cálidas tardes estivais, o Colchón congrega rapaces e mozotes das dúas
ribeiras da chaira. Fachenda de destrezas e ousadías, con saltos desde
as plataformas laterais, brazos e cabezas a perforaren a tona da auga.
Acenos de admiración calada nos rostros que observan a exhibición.
Brincadeira prolongada no ventre morno onde os ollos nenos contemplan
fascinados a danza incesante das areas brillantes. Harmonía de feitizos
envolve de seda a paraxe, rompe as pexas do medo e acende labarada de
ilusións.
O
cantar esquivo das pitas silencia un instante as voces e os risos da
rapazada. A monotonía musical do ruxidoiro arrola os pensamentos e
serena o ánimo. Cando o sol baixa e a auga labrega segue coa súa moenda
eterna, peixes atrevidos desafían o cachón e ascenden até o alto
procurando espazos máis calmos.
Rito
gozoso do baño, vertixe excitante do salto, proba de valor esforzado,
conquista da adolescencia anunciada.
Os
pastores tanguen os rabaños de vacas e cabalos para a casa. Os ollos
nenos, limpos como os ventos da serra, están na auga que peneira area
fina para amasar o pan da fantasía.
A tarde
déitase na enramada delicada. O río manso dorme e soña no seu leito de
area tapado con fermoso cobertor de estrelas.

DELFÍN CASEIRO.

Río Limia en Ponte Linares. Fotografía de
Secundino Lorenzo.
Volver
