Un dos elementos fundamentais da configuración da paisaxe galega é a
existencia dunha ampla e densa rede fluvial formada por miles de ríos e
regueiros que recollen as augas das abundantes choivas e das fontes. Non
hai aldea, lugar, vila ou cidade que non teña o seu río.
A pouco que nos afastamos dos núcleos de poboación e das estradas, que
enchen de ruído os milleiros de automóbiles que os transitan, chega ao
noso ouvido un constante e variado son procedente de entre os árbores e
a vexetación. É a música dos dez mil ríos e regatos, que en forma de
veas de auga, conforman e vivifican este vello país irmanado coa chuvia.
Os cursos de auga en Galiza, desde o illó ou poza onde agroma unha fonte,
até o maxestuoso Miño, estiveron sempre unidos ao diario vivir dos
galegos. Con eles apagaron a sede, lavaron a roupa, regaron os prados,
moveron os muíños, batáns, mazos, serradeiros e dinamos para producir
enerxía eléctrica. Moldearon a variada paisaxe do país e foron xeradores
de lendas e tradicións que forman parte do noso patrimonio natural.
Todos os galegos gardamos na memoria o río da nosa infancia. Evocamos as
primeiras aventuras e xogos que tiveron escenario as súas orelas,
sinaladas polos amieiros e bidueiros nas estremas das leiras e dos
prados. Bañámonos nas súas frescas e transparentes augas, fixemos
navegar improvisados barcos e tentamos pillar fuxidías troitas e outros
peixes.
Hoxe dóenos a situación na que se atopan moitos deles por mor das
presas, centrais hidroeléctricas, contaminación das súas augas,
alteración dos seus ecosistemas, invasión das súas marxes e outras
agresións. Por iso queremos dar a coñecer todos os seus aspectos e
demandamos a urxente protección e recuperación do noso patrimonio
natural fluvial, con toda a súa biodiversidade de flora e fauna e o seu
riquísimo patrimonio etnógráfico e histórico-cultural.

O río
O río sabe o camiño
-peleriño
bon-
No rosario de xeixos do seu niño
a i-auga reza unha orazón.
O río é dende o monte
anguía a nadar
ao mar.
Ficóu preso na
fisga da ponte
i-endexamais ha de chegar.
Xosé Mª Álvarez Blázquez.